Comezan as xornadas de automatización e robótica da Universidade de Vigo

luns, 15 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Centro Social Caixanova de Vigo acolle dende hoxe até o venres 19 a nova edición das Xornadas sobre tecnoloxías e solucións para a automatización industrial, JAI 2010, un evento encamiñado a dar conta da innovación de vangarda nos eidos da robótica e os sistemas tecnolóxicos para mellorar os procesos das empresas. As xuntanzas, nas que xa están a participar preto de 40 docentes da Universidade e máis de 200 alumnos, conta coa presenza dun importante número de profesionais procedentes dalgunhas das firmas máis punteiras do panorama internacional da automatización industrial. Segundo conta a Universidade de Vigo, nos actos de apertura de hoxe está previsto que se dean a coñecer tecnoloxías como o picosatélite Xacobeo ou software desenvolvido pola Universidade de Vigo, Gradiant e OnTouch para clasificar demograficamente a individuos que miran un anuncio e segmentar a publicidade que lles chega.
As JAI, que contan co patrocinio de institucións e entidades como o IGAPE, a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Ministerio de Educación ou Caixanova, están orientadas á difusión, formativa e informativa, das innovacións e dos avances das tecnoloxías da automatización industrial. Nesta edición do 2010, o crecente interese do sector empresarial galego polas xornadas queda patente en cifras, xa que por primeira vez o número de estudantes e de representantes do tecido empresarial iguálase.

A xestión da auga, da enerxía e do medio ambiente; a automoción; a robótica industrial e a soldadura láser son algúns dos eixes temáticos dos relatorios programados, sesións que terán unha duración total dunhas 30 horas. José Ignacio Armesto (na imaxe), impulsor de JAI, salientou os días pasados unha serie de interesantes novidades a presentar no congreso, entre as que se conta a que virá o 18 de novembro da man de Manuel Montes, do grupo Desarrollanet, responsable dos sistemas de acceso das xornadas. Trátase dunha empresa galega especializada en eventos de máxima seguridade que está a desenvolver o tema do recoñecemento de facianas en colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant. “Este é un perfecto exemplo da denominada transferencia de coñecemento, pois dende o mundo académico estáselle a ofrecer a esta empresa tecnoloxía que a converte en punteira no sector”, explica Armesto.

PUBLICIDADE