Comezan as emisións de Gol TV a través da Televisión Dixital Terrestre

venres, 14 de agosto do 2009 Marcus Fernández

O Consello de Ministros aprobou onte o Real Decreto Lei que regula a Televisión Dixital Terrestre de pago, e como consecuencia, dende Mediapro decidiron que hoxe mesmo a canle Hogar10 substitúe a súa programación pola de Gol Televisión, canle que poderá verse en aberto ata o 31 de agosto, data a partir da que será preciso abonarse para ver os contidos da canle deportiva.
Agárdase que nos vindeiros días cheguen ás tendas receptores de TDT compatibles coa tarxeta de acceso condicional de Gol TV, que terán un prezo duns 60 euros, e o abono mensual á nova canle será de 14,90 euros, non estando dispoñible só a través da televisión terrestre (dende R tamén será posible contratar este servizo, cunhas condicións por determinar). No caso de contar cun televisor con sintonizador de TDT integrado tamén é posible que poida empregarse a tarxeta de acceso da nova canle mediante unha tarxetas PCMCIA.

J.R. Mora ilustra coa súa peculiar visión este último capítulo da guerra do fútbol

Gol Televisión ofrecerá partidos de primeira división (un deles sempre do F.C. Barcelona ou do Real Madrid), segunda división, Copa do Rei e Liga de Campións, en exclusiva, en directo e en diferido. Tamén conta cos dereitos de emisión de fútbol europeo e mundial, de xeito que incluirá máis de 1.400 partidos ao ano, dos que 500 serán en directo, completados por 2 informativos diarios de 30 minutos, 5 boletíns diarios, programas resumo de todas as ligas, reportaxes, informes especiais e entrevistas cos xogadores máis destacados.
Pero que esta oferta deportiva sexa de pago a través dunha canle anteriormente en aberto non está a ser moi ben recibida por parte doutros operadores audiovisual (Digital Plus recibe un duro golpe) e incluso por consumidores, que ven como a oferta que tiñan de balde durante a pasada tempada pasará a ser de pago a partires do mes que vén.

PUBLICIDADE