Comeza o seminario As Bibliotecas Dixitais na Cidade da Cultura

xoves, 7 de abril do 2011 Redacción

O I Seminario Internacional da Biblioteca de Galicia As Bibliotecas Dixitais botou a andar na Cidade da Cultura de Galicia, onde acollerá a representantes das bibliotecas máis prestixiosas do mundo ata o vindeiro sábado. No acto de apertura, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Barela, asegurou que a biblioteca dixital galega coñecida como Galiciana (en contrapunto coa Europeana) situará o «riquísimo acervo bibliográfico galego ao alcance de calquera, ao facer posible que se poida acceder a estes fondos simplemente cunha conexión a internet», que contribuirá á «difusión e a preservación dixital do riquísimo acervo bibliográfico galego».
O conselleiro asegurou que «por medio da dixitalización e a asignación de metadatos, e grazas á adopción de estándares e normativas comúns nos espazos europeos e internacionais, proporciónase a máxima visibilidade a cada unha das obras dixitalizadas», engadindo que «os investigadores e interesados poderán acceder aos fondos a través da rede dende o seu propio domicilio, a calquera hora do día e cos máis actualizados sistemas de localización, utilizando os buscadores e navegadores máis coñecidos».
Ao longo deste seminario, técnicos da Biblioteca de Galicia farán unha presentación detallada do proxecto Galiciana ante os representantes das outras bibliotecas. A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, que por volume de fondos dixitalizados será unha das mais potentes de España, atópase xa en fase de probas e será obxecto dunha presentación en sociedade, nun acto no que estará apadriñada por representantes doutras bibliotecas dixitais europeas.
A conferencia inaugural correu a cargo de Sally McCallum, responsable de proxectos dixitais na biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, e unhas das persoas mais influentes dos últimos trinta anos na Biblioteconomía Moderna, con destacadas aportacións na tecnoloxía para facilitar o acceso a información e no control bibliográfico. Na súa intervención analizou as últimas técnicas para aumentar a accesibilidade ás coleccións dixitais. No seminario participan tamén John Van Oudenaren, director da World Digital Library da Unesco, actualmente inmerso no proxecto de biblioteca dixital mundial e o alemán Stefan Gradmann, responsable do libro blanco de Europeana.
Na primeira das tres xornadas deste seminario, o tema central foi a formación das coleccións dixitais e as estratexias de futuro precisas para evitar a perda da información contida nelas. Mañá abordaranse aspectos como os dereitos de autor, ou as novas técnicas de búsqueda e de recuperación de información. Este encontro rematará o sábado cunha xornada de mesas de traballo para intercambiar experiencias entre os responsables dos diferentes centros.

PUBLICIDADE