Comeza a Semana da Ciencia galega con medio cento de actividades de divulgación

luns, 9 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Itinerarios de paisaxes culturais desenvolvidos o ano pasado (IEGPS)

A investigación, como tantas outras cousas, tamén ten o seu tempo de festexo. A Semana da Ciencia, celebración europea que abre hoxe mesmo o seu capítulo anual galego, é un xeito de mesturalo todo: científicos con estudantes, investigadores con cidadáns de a pé, público en xeral con innovadores empresariais. O obxectivo da novena edición da Semana repítese: mobilizar á meirande número de entidades públicas e privadas (18 polo de agora) de toda a xeografía galega para informar do valor da ciencia e asentar futuros alicerces de cooperación e, tamén, de relevo xeracional. Neste senso, cómpre sinalar que toda a Semana da Ciencia é, por enteiro, un pulo aos novos talentos investigadores.
Serán arredor de medio cento de actividades (algunhas delas directamente vinculadas ás redes da información, tanto na forma como no contido) a desenvolver por todo o noso territorio e até o 22 de novembro, dándose a casualidade de que este ano coinciden tres celebracións internacionais dándolle miolo á Semana: o Ano Darwin, o Ano Internacional da Astronomía e o Ano Europeo da Creatividade e da Innovación.
Entre as entidades organizadoras atópanse as tres universidades galegas, centros tecnolóxicos, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), asociacións, museos científicos e o Parque Tecnolóxico de Galicia, entre outros. Por tipo de actividade, informan os organizadores, a categoría cursos e obradoiros é a máis abondosa, seguido de itinerarios didácticos e excursións e xornadas de portas abertas. Con todo, celebraranse exposicións, ciclos de cine e obras de teatro científico, entre outro tipo de actividades.
En Galicia a Semana está coordinada pola Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, en colaboración con FECYT, Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordina o evento no ámbito estatal.

PUBLICIDADE