Código Cero, entre as entidades patrocinadoras do Congreso Hispanoluso de Software Libre

mércores, 26 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Código Cero, revista e web de novas tecnoloxías da información, está xa entre as entidades que apoiarán a celebración dun encontro internacional sobre programación aberta que ten unha gran relevancia para os desenvolvedores e usuarios de software libre da nosa terra: en parte porque unha parte deles xa confirmaron a súa asistencia á xuntanza (ben como relatores ou como participantes), en parte porque ao seu abeiro estableceranse liñas de traballo conxunto sobre plataformas e programas de emprego estendido acó, como Joomla! ou o navegador Firefox, en galego dende hai xa uns cantos anos. De feito, a xente do Core de Joomla ou de Mozilla Firefox forman parte xa dun programa, o do Congreso Hispanoluso de Software Libre, que aínda nos vai deparar novidades entre hoxe e mañá. O encontro terá dúas xornadas, 28 e 29 de setembro, a desenvolver en Mérida co pulo de OpenSource Iberia, Complusoft, CYXMedia, Esparkle, o Goberno de Estremadura, o Concello de Mérida e o Gabinete de Iniciativas Transfronteirizas.
A cita será no Centro Cultural Acazaba, incluíndose ao seu abeiro a celebración do Joomla! Day 2012. Haberá charlas, conferencias, relatorios e obradoiros, destinados a empresarios, profesionais, desenvolvedores e usuarios da programación aberta de toda a Península Ibérica (e alén do seu ámbito), favorecéndose a comunicación directa entre eles a través do contacto directo e máis da práctica do networking.
Un dos obxectivos da organización é achegar solucións a todo tipo de dúbidas ou retos sobre o traballo diario con ferramentas abertas, tendendo pontes para colaboracións vindeiras e optimizacións conxuntas de todo tipo de recursos libres. O programa, por certo, tamén inclúe a presentación dunha iniciativa de lecer, solidario-tecnolóxica, da que falamos hai pouco en Código Cero: a proposta Futboling.
Amais do devandito, de fomentar o contacto e a colaboración hispano-lusa arredor da programación aberta, a cita servirá para que as persoas emprendedoras poidan coñecer de primeira man as vantaxes que ofrece esta metodoloxía de facermos tecnoloxía, e usar as súas ferramentas para mellorar os seus negocios.
É nesta faceta do congreso onde entra en xogo a tecnoloxía galega, tal e como sinalamos os días pasados, pois a organización convidou a participar á galega Sdweb (Solucións Dixitais S.L.), como representante de tódalas empresas de Galicia especializadas no desenvolvemento de aplicacións en código aberto. Os profesionais de Sdweb, con sede en Santiago de Compostela, impartirán 4 obradoiros, centrados en distintas ferramentas que facilitan o traballo interno a nivel empresarial.
Falamos do obradoiro de Alfresco (Workflow BPM), que impartirá Diego Meixeiro; do obradoiro para presentar o caso de éxito do xestor de contidos Drupal, da man de Iván Vázquez; do obradoiro Business Inteligence: solucións corporativas de reporting con Jaspersoft BI Suite, no que Antonio Carro abordará a implantación de solucións de Datawarehouse baseadas en código aberto; e do obradoiro de Moodle, mediante o cal se tratarán de difundir as vantaxes económicas e competitivas que se obteñen ao implantar nunha organización este modelo de e-learning.

PUBLICIDADE