Cinfo e R preparan un programa de localización de persoas que bota man dunha pulseira intelixente

luns, 4 de xaneiro do 2021 S. P.

A empresa coruñesa Cinfo, responsábel de Tiivii (a revolucionaria tecnoloxía de televisión intelixente que é quen de seguir os protagonistas dun espectáculo e crear o directo de maneira automática, botando man de tecnoloxías de Intelixencia Artificial), participa xunto coa operadora galega R no programa de Localización de Persoas da Cruz Vermella. Fano a través da plataforma Rédux, que consiste na monitoraxe de usuarias e usuarios con certo nivel de deterioro cognitivo a través dunha pulseira intelixente que non poden quitarse eles mesmos e que permite coñecer a súa localización en tempo real.
A plataforma, unha nova e relevante contribución ao ámbito da Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés), é un sistema personalizado a medida para Cruz Vermella. Segundo informa Cinfo, atópase neste intre en produción, dando como resultado unha solución que informa de continuo ao persoal autorizado do emprazamento de cada usuario do programa, permitindo a xestión de todos os dispositivos e de diferentes tipos de alarmas que advirten, por exemplo, se a persoa en seguimento se afasta de máis dunha zona definida con anterioridade ou se a pulseira está a quedarse sen batería, etc.
Así mesmo, detecta anomalías no comportamento dos usuarios, lanzando alarmas se por exemplo alguén unha actividade estraña ou nun horario non habitual.
Previsto inicialmente para 300 usuarios do programa de Cruz Vermella, o proxecto xa conta con máis de 150 usuarios activos.

PUBLICIDADE