Cinema en 3D e teatro científico este venres na Domus da Coruña

martes, 19 de febreiro do 2013 Redacción

O venres, 22 de febreiro, a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGCCCT) celebrará no marco do Festival por amor á arte, na Domus (A Coruña), un Punto Científico dirixido ao público xeral, gratuito e libre até completar aforo. O evento de divulgación dará comezo ás 16.30 horas e incluirá teatro científico, música en directo, proxección de vídeos de animación en tres dimensións (3D) e mini-pílulas de coñecemento a cargo de socios da dita asociación. A xuntanza segue o ronsel das edicións do Punto Científico celebradas previamente en Ourense e en Carnota.
O programa por enteiro, no que como dixemos participan sobre todo membros da asociación, ten o obxectivo de achegar o coñecemento científico e tecnolóxico á poboación en xeral dun xeito lúdico. Respecto á axenda da cita deste venres, dicir que contará coa presenza activa de Luisa Martínez, científica mariña e responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, que interpretará a peza de teatro científico Que traballo tan curioso?. Tamén intervirá Esteban Fernández, microbiólogo e promotor do proxecto Actuaciencia (teatro, radio, blog, etc.), a obra Todo por unha eñe. Asemade, os científicos Luís Navarro, profesor de Bioloxía vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo, e Ernesto Carmena, animador de imaxe e divulgador, proxectarán os documentais de animación en 3D: Estratexias adaptativas: Alarma contra ladróns e A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares, ambos dirixidos por Luís Navarro, e O tikaalik, un pez fósil en movemento de Ernesto Carmena, infografista e divulgador científico.
No formato mini-pílula de divulgación participarán o astrónomo Borja Tosar con Postal planetaria; o neurocientífico e profesor da UDC, Casto Rivadulla, Ata canto sabes contar?; Elena Vázquez Abal, profesora de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela, con Onde está a Meca?; Constantino Álvarez, catedrático de Física e Química no IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) con Reacción Sodio-Auga: ¿Pódese facer sen riscos?; e, finalmente, Microhistoria da Guerra Civil española: Catro relatos arqueolóxicos desde a fronte por Xurxo Ayán, arqueólogo do CSIC.
Manuel Vicente, director do programa de radio Efervesciencia actuará como mestre de cerimonias. A música en directo correrá á cargo da Camerata Brigantina, que baixo a batuta de Florian Vlashi, da Orquestra Sinfónica de Galicia, amosará “as curiosidades matemáticas que se esconden nalgunha das mais coñecidas obras da música clásica”, sinalan os responsábeis deste programa de actividades.

PUBLICIDADE