Cinco empresas galegas participaron no I Congreso Español de TV Dixital celebrado en Málaga

venres, 11 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Representación Clúster Audiovisual en Málaga

Xa o dixemos hai uns días: o I Congreso Español de TV Dixital Autonómica e Local ía contar con notable presenza galega. O encontro, que se clausurou onte en Málaga, serviulle á representación empresarial da nosa terra para avaliar os retos da implantación da TDT en Galiza, un proceso diferente ó dos restantes territorios peninsulares, tanto polas características xeográficas do país como polo disperso da súa poboación (A Fonsagrada, por onde está a entrar oficialmente en España o apagamento analóxico, é o paradigma desta situación). As firmas galegas participantes no evento (Correo TV, Área Audiovisual Corporación Voz de Galicia, Localia, Tecnocom e Vitelsa, todas elas asociadas ó Clúster Audiovisual Galego), aproveitaron para tender importantes pontes de negocio con diferentes produtoras de contidos, subministradores de material técnico, canles de TV ou institucións públicas, tal e como sinala o devandito Clúster nun comunicado.
O encontro, que foi promovido por ASODAL (Asociación Española de Televisións Dixitais Privadas Autonómicas e Locais), serviu asemade para acoller a presentación do informe Estado actual e panorama do Acendido Dixital en Europa da consultora Asset Media. Segundo esta investigación (da que falamos nesta mesma web máis polo miúdo), que avalía as posibilidades de afianzarse na TDT dos distintos países europeos (e as opcións de tirar partido dela), Reino Unido aparece como o país con meirande vantaxe, cunha penetración dixital por fogares do 86% en 2007. Pola contra, España sitúase nun estrato intermedio, ombro con ombro con Francia, Italia e Alemaña, e cunha taxa de afianzamento da TDT de entre o 40 e o 47%. A previsión, segundo se engade no informe, é conseguir a converxencia en 2012, o que se traduciría nunha porcentaxe preta ó 99% da poboación.

PUBLICIDADE