Churnalism: a ferramenta procura-plaxios xornalísticos
mércores, 23 de marzo do 2011
Calquera que leve uns cantos anos na Rede,
achegando información ou recibíndoa, tivo que pasar por forza pola experiencia
de ter atopado textos seus nas casas dos outros, ou ben textos alleos na casa
propia, que tamén. O caso é que esta práctica de “citar” non é negativa de por
si, xa o dicía
Godard nunha entrevista recente en El Cultural, senón o contrario: pode ser
enriquecedora. O problema é cando non hai nin consentimento nin vontade de
facer algo construtivo co que se recolle nin recoñecemento da fonte orixinal. Aí
entramos xa no terreo do plaxio, unha práctica moi estendida na Internet pero
que xa existía de antes. Con todo, onde está o problema está a solución, tal e
como demostra a posta en marcha de Churnalism,
unha plataforma en liña para o achado de plaxios.
Ao parecer, trátase dunha iniciativa
independente sen arela de lucro habilitada por Media Standards Trust, e ten
como principal finalidade verificar que un texto publicado é de produción
propia e non collido, sen recoñecemento, de aquí ou de acolá. Segundo conta Xornal.com
facéndose eco de datos de Europa Press, a plataforma fai uso dun sistema de
comparación que é quen de separar a fonte orixinal de tódalas segundas e
terceiras (de feito, hai veces que se plaxia dun plaxio e así de maneira
sucesiva). O miolo da ferramenta non semella ter nada do outro mundo no que se
refire a emprego da mesma. O único que temos que facer é seleccionar un texto
xornalístico que creamos que puído ser copiado e pegado noutra parte e facer
unha busca con churnalism para que
nos axude a atopar os calcos. A partir de aí, comeza a procura. Se os
resultados dan unha porcentaxe de semellanza vaia alén do 20%, entón estaremos
case seguro perante a obra dun xornalista que non se complicou moito a vida na
súa xornada laboral.