Chamamento para participar no novo Obradoiro de Criptografía e Privacidade do GPUL

venres, 13 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Juanjo Iglesias, Chema Casanova, Emilio Padrón e Francisco Tsao, membros do GPUL

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, vén de anunciar unha nova actividade de difusión, debate e traballo colectivo arredor das posibilidades, sen límite, do software libre. Desta volta, a actividade céntrase en avaliar e amosar recursos que melloren, dende un contorno de accesibilidade e de apertura de datos, a protección deses e outros datos cando sexa preciso. Falamos da cuarta edición do Obradoiro de Criptografía, Privacidade e Seguridade.
O taller, no que se tratarán cuestións específicas como a copia de seguridade, os xeitos de recuperar información ou de loitar contra malware dende a eficacia que soe achegar o software libre, xa ten aberto o prazo para as achegas de cada quen (propostas de charlas ou de actividades), sexan da índole que sexan e veñan na lingua que veñan (galego, castelán, portugués, inglés ou francés). Só se piden os requirimentos dunha axeitada proposición de contidos e que estes teñan relación co software libre, o hardware libre ou a cultura libre en xeral. A actividade en cuestión está prevista para os vindeiros 14, 15 e 16 de maio.

PUBLICIDADE