Chamamento para participar nas Xornadas Libres do GPUL na Coruña

martes, 27 de marzo do 2012 Redacción

Unha das actividades de divulgación da anterior convocatoria das Xornadas

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, anunciou que xa está en marcha o proceso organizativo das súas Xornadas Libres, uns encontros que, como o seu propio nome indica, van dirixidos a botar abaixo tódalas trabas posíbeis de diálogo, participación e colaboración arredor doutra cousa que naceu sen trabas: o software libre. Haberá charlas, obradoiros e concursos con contidos do máis heteroxéneo, pero en todo intre coa programación aberta no punto de mira, amais da cultura libre en xeral. Segundo informa o Grupo, a undécima edición das xornadas, abertas ao público en xeral, celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña do 23 ao 27 de abril de 2012.
O prazo para enviarlle á organización propostas de charlas ou actividades mantense aberto até o 7 de abril. As/os interesadas/os en propoñer un relatorio ou un obradoiro deberán facelo atendendo as seguintes instrucións.
Requisitos de presentación
· Temática: estará relacionada co Software Libre, Hardware libre ou coa Cultura Libre en xeral e poden ter todo tipo de enfoques: divulgativo, desenvolvemento, investigación...
· Lingua: poderanse presentar propostas en galego, castelán, portugués, inglés ou francés.
· Software: todo software referenciado debe de ser compatible coa definición de Software Libre da FSF. O mesmo se aplica para o caso do hardware e a definición do OSHW.
· Gravación e distribución dos contidos: o poñente autoriza a GPUL a facer unha gravación da súa intervención, así como a distribuír tanto a gravación coma o resto do material empregado durante a intervención, baixo unha licenza libre (segundo a FSF). Dende a directiva, agardan o meirande número de propostas e de asistencia.

PUBLICIDADE