Castelao gaña o concurso Icono GZ como a imaxe coa que nos identificamos os galegos

mércores, 4 de abril do 2007 Raquel Noya

Sen dúbida, algúns dos símbolos que mellor nos representan onde queira que vaiamos alá polo resto do mundo é (para ben ou para mal) o botafumeiro ou a Catedral de Santiago, aínda que moitos turistas extranxeiros (un tanto despistados) sigan coa teima de relacionarnos cos touros e co flamenco. Nada máis lonxe da realidade. Para os propios galegos (ou mellor dito, para os case 1.400 individuos que votaron na mostra IconoGZ pola imaxe que mellor nos representa), aquilo que máis e mellor nos identifica como pobo é o inconfundible cigarro rasgado de Castelao.
Por diante das Gaitas, do Queixo de tetilla, dos Pementos de Padrón, do Traxe rexional ou do Paraugas, a icona de Castelao, deseñada (coma o resto da exposición) polo ilustrador Kiko da Silva resultou ser a gañadora por unha mínima diferenza sobre Lingua Galega.
Facendo un reconto dos votos físicos depositados nas furnas polos asistentes que se achegaron ás rúas da cidade vella pontevedresa ó longo do mes de marzo e dos votos virtuais recollidos a través da páxina web, as outras imaxes (das 40 penduradas) que resultaron nos primeiros postos foron a Lingua galega, o Paraugas, o Petroglifo e a Peregrina, que obtivo unha grande cantidade de votos na Casa das Campás e no Pazo de Mugartegui en Pontevedra, pero non así na Rede.

PUBLICIDADE