Carballo Interplay xa recibiu 120 webseries nunha semana de recepción de propostas

mércores, 15 de marzo do 2017 Redacción

A cuarta edición do Festival de Contidos Dixitais, Carballo Interplay, xa comeza a facer ruído na Rede. E un ruído, ademais, importante. Para comezar, sabemos que xa hai datos previstas de celebración, entre o 4 e 6 de maio na vila bergantiñá, e tamén sabemos que haberá 5.000 euros en premios. Por outra banda, a organización (o Concello de Carballo) lembrou que quen queira presentar as súas achegas creativas, xa pode facelo até o 31 de marzo a través da web específica do festival, www.carballointerplay.com. Porén, se cadra o dato máis salientábel deste Carballo Interplay 2017 en preparación é o feito de que na primeira semana de apertura do prazo de presentación de propostas xa se recibiran 120 webseries. A expectación, de por si, xa supera a de anos anteriores.
Segundo recorda a organización (o Concello de Carballo), as webseries participantes deberán cumprir cun mínimo de requirimentos: terán que estar producidas entre os anos 2015 e 2017 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición. Por outra banda, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.
Entre as achegas recibidas, un xurado composto por profesionais do audiovisual e representantes de asociacións profesionais do sector premiará a mellor webserie de imaxe real, a mellor webserie de animación, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. Tamén haberá un premio AGAG ao mellor guión e un premio CREA á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademais, Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da iniciativa premiada, que se proxectarán na vindeira edición do Interplay.

PUBLICIDADE