Campaña en liña para evitar que se destrúa a necrópole de Mourela nas Pontes

venres, 9 de febreiro do 2007

A Plataforma Cidadá en Defensa do Patrimonio das Pontes, o colectivo ecoloxista ADEGA e outras agrupacións veciñais do devandito concello coruñés veñen de unir forzas para poñer en marcha na Internet unha campaña de procura de apoios co fin de esixirlle á Consellería de Política Territorial que evite como sexa a destrución do Círculo Lítico da Mourela. Cómpre lembrar que este complexo arqueolóxico de incalculable valor está actualmente en serio perigo polas obras do trazado da AG-64 que une Ferrol con Vilalba e que, se o dito departamento da Xunta non o impide, pasará por riba da necrópole.
A campaña en liña de recollida de sinaturas de Plataforma Cidadá esixe tamén que prosigan os estudos e os labores de reconstrución e posta en valor do xacemento e especifica (asemade) que a solución ó problema pasa pola construción dun túnel por baixo do mesmo.

PUBLICIDADE