Cae un 1,5% o gasto en TIC dos fogares españois

xoves, 10 de maio do 2012 Raquel Noya

De acordo co estudo de demanda e uso de servizos de Telecomunicacións e Sociedade da Información realizado polo Ontsi, o gasto en servizos TIC realizado polos fogares españois no cuarto trimestre de 2011, “ascendeu a 3.313 millóns de euros”, un 1,5% menos que no mesmo trimestre do ano anterior.
E é que a caída xeneralizada do consumo no noso país e en toda Europa, facíanos presaxiar que a tendencia non ía ser outra no tocante ás novas tecnoloxías, en case que tódolos seus sectores.
Deste xeito podemos comprobar como o gasto en telefonía fixa descendeu un 3,5% ata situarse nos 920 millóns de euros, e a media de minutos consumidos durante o trimestre reduciuse en 36 minutos no último ano.
No tocante á telefonía móbil, o gasto reduciuse un 2,6%, cunha diminución de 1,8 euros no gasto medio mensual por fogar, ata situarse nos 37,1 euros.
Pola súa parte, os fogares gastaron 628 millóns de euros no servizo de Internet, cunha variación interanual positiva do 1,5%. Máis polo miúdo, o gasto medio po fogar situábase en 23,9 euros ao mes no último trimestre do ano, o que representa unha redución de 1,8 euros.
O estudo destaca, asemade, que a conexión á Rede nos fogares a través do móbil situouse por enriba do 15% ao final deste período.
O que si non descendeu, senón que incluso se incrementou algo foi o gasto total dos fogares con servizos de televisión de pago, que aumentou un 5,4% no último trimestre.
Xa que logo, o gasto medio mensual acadou os 29,5 euros, o que supón uns 0,3 euros máis que o ano anterior.

PUBLICIDADE