COINTEGA constata a necesidade de impulsar o ecommerce entre as nosas firmas téxtiles

xoves, 24 de novembro do 2016 Redacción

Presentación do informe de COINTEGA en Compostela/ Imaxe de La Voz de Galicia

Onte presentábase en Santiago un estudo sobre o nivel de afianzamento nas novas tecnoloxías no sector téxtil galego, tanto no que atinxe a produtores-distribuidores como a nivel de compradores. A análise, presentada por COINTEGA (Confederación de Industriais Téxtiles de Galicia), vén acompañado do seguinte epígrafe: Informe situación ecommerce empresas galegas téxtil moda. Foi dada a coñecer ao abeiro da Xornada Novas Tendencias de eCommerce, na que participaron Venche Privee, Modaes.es e Banco Sabadell. O informe elaborado pola Confederación avaliou a importancia do comercio electrónico como canle de distribución. En palabras da entidade, “fai fincapé no importante que é que a nosa empresa sexa visíbel en Internet de cara a conseguir un óptimo emprazamento e poder incrementar o volume de vendas online”. Entre outros datos, achégase a seguinte información de valor: aínda que a maioría das firmas analizadas contan con páxina web, menos da metade vende na Rede.
Nun plano máis concreto, a análise (feita sobre un censo de 75 sociedades con sede na nosa terra) engade que preto da metade (o 45%) das firmas do sector galego teñen tenda dixital de seu, aínda que unha boa parte das mesmas teñen presenza en Internet botando man doutras canles indirectas. Iso si: a cifra de empresas que venden a través destas contornas é mellorábel.
Na xornada tamén se presentou o Barómetro Venche-Privee de empresas de moda en España, un achegamento pormenorizado ás compañías do sector para coñecer as claves do negocio actual, agora que, en palabras dos autores, “vívese un intre de clara recuperación económica”. A investigación centrouse desta volta en identificar “aqueles novos factores que empezan a impactar con forza no negocio da moda”.

PUBLICIDADE