CETMAR amplía o prazo para participar no concurso Galicia e as Ciencias do Mar

venres, 4 de abril do 2008 Raquel Noya

O Centro Tecnolóxico do Mar - Fundación CETMAR, vén de anunciar que ampliará o prazo para a presentación de traballos ao concurso Galicia e as Ciencias do Mar, que nun primeiro intre remataba o 18 de abril.
Deste xeito, os rapaces e rapazas que queiran participar terán ate o día 9 de maio para facer chegar os seus traballos, que deberán tratarse de experimentos ou demostracións nos que amosen enxeño e coñecementos sobre diferentes aspectos do mar.
A actividade está financiada pola convocatoria Diverciencia, incluída no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación coa que a Consellaría de Innovación incentiva a organización de accións de divulgación e comunicación científica e tecnolóxica para fomentar a cultura do coñecemento da ciencia e mellorar a percepción das actividades de I+D+i na sociedade.
Este concurso está dirixido aos estudantes e docentes de centros de ensino primario e secundario de Galiza, que poden participar en grupos constituídos por un profesor e tres alumnos.
Establécense dúas categorías, unha para estudantes de Educación Primaria e outra para estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. A final terá lugar nunha Xuntanza de Ideas que se celebrará durante os días 31 de maio e 1 de xuño na Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol).
O traballo a presentar debe ter carácter experimental e conter unha aplicación das ciencias ao medio mariño. O xurado, que estará composto por investigadores, formadores e especialistas en divulgación científica, valorará a súa orixinalidade, o interese didáctico e a claridade coa que se transmitan os principios nos que se fundamenta a explicación.
Os autores dos catro mellores traballos serán premiados cun reprodutor MP3 e serán convidados a participar na Xuntanza de Ideas na Estación de Bioloxía María da Graña. Os concursantes exporán os proxectos e reproducirán os experimentos. Os autores do proxecto que resulte gañador en cada categoría presentarán o seu proxecto no programa de Radio Galega Efervesciencia, emitido os domingos ás 13.00 horas e dispoñible a través da web Efervesciencia.org.

PUBLICIDADE