CENATIC celebra este martes un curso sobre software libre no Campus da Coruña e dous máis en Ferrol e Santiago

luns, 19 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Edificio de Servizos Centrais de Investigación

O Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en software libre (CENATIC) está a procurar novos xeitos de introducir a informática de código aberto nun dos ámbitos decisivos para o seu futuro: o da educación superior. Con este fin, o Centro vén de pór en marcha o Curso de Introdución ao software de fontes abertas, organizado de xeito conxunto coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE-TIC) e arestora impartíndose en distintos campus do ámbito estatal. Esta actividade, que comezou de xeito simultáneo na Universidade Carlos III de Madrid, a Universidade de Zaragoza e a Universidade de Deusto, está a chegar a un total de 19 institucións educativas superiores de toda España, incluídas (polo que se albisca polo de agora no programa) a da Coruña, este martes 20 de xaneiro.
Por certo que o mesmo día, CENATIC ten programado celebrar na Cámara de Comercio de Ferrol a Xornada sobre as vantaxes de software libre para a empresa, encontro encamiñado a informar das moitas posibilidades da programación aberta para incrementar a produtividade e a competitividade. Este mesmo evento desenvolverase días despois na Universidade de Santiago de Compostela, concretamente na xornada do 28 de xaneiro e coa colaboración da Cámara de Comercio local.
Volvendo ao Curso de Introdución ao software libre de fontes abertas, que toma como referencia a Guía Básica do Software de Fontes Abertas publicada hai pouco por CENATIC, dicir que ten o seguinte gran obxectivo: conseguir que a comunidade universitaria coñeza en que consiste exactamente a programación libre, e como esta contribúe a suprimir os atrancos no acceso á tecnoloxía, así como as vantaxes e oportunidades que achega ao usuario final, ás empresas e ás administracións públicas. Segundo informa o dito Centro Nacional, a actividade formativa en cuestión non só responde ao seu compromiso particular coa programación aberta, senón tamén ao interese do propio alumnado.
A xuízo de CENATIC, as alumnas e os alumnos son plenamente conscientes, arestora, dos moitos beneficios na súa formación que achega o coñecemento do open source, de aí que o curso en concreto estea a ser seguido na meirande porcentaxe de universidades que constitúen o itinerario por unha media de medio centenar de estudantes (cando estaban destinados nun principio a dúas ducias). O caso máis salientable, engade o Centro, foi o da Universidade de Granada, onde se pecharon as inscricións logo de ter superado a liña dos 125 solicitantes.

PUBLICIDADE