CAI Sistemas Informáticos publica un estudo pormenorizado sobre a asesoría galega

martes, 18 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A firma viguesa CAI Sistemas Informáticos, especializada en produtos e servizos tecnolóxicos para o eido das asesorías e as xestorías, vén de ampliar a súa oferta cos clientes a través dun estudo pormenorizado da realidade actual de todo o sector que atende. A empresa, que amais de mellorar o seu servizo quere encher o que considera un oco importante de información sobre esta materia, contou para este traballo en concreto coa colaboración do Colexio Oficial de Titulados Mercantís e Empresariais de Galicia.
Froito desta cooperación xurdiu polo tanto o primeiro estudo de mercado do sector galego da asesoría, titulado As Asesorías na Comunidade Galega e inserido na publicación de estudos Sinerxía Empresarial.
A investigación, informa CAI, levouse a cabo integramente por persoal da propia firma de Vigo, que é socia de Ineo, ao longo dun período de cinco meses en que se desenvolveron, entre outras tarefas, máis de 400 enquisas a outras tantas asesorías nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. “Tras unha fonda análise do sector”, engaden, “traballando con diferentes fontes de información que complementaron as enquisas, o estudo presentouse con éxito na segunda edición das Xornadas de Asesores de Empresas organizadas por CAI en Vigo”.
O resultado é polo tanto un estudo único na nosa terra polas súas características e polo seu alcance, de interese non só para os colexiados da devandita entidade oficial, senón tamén para todas as persoas vinculadas ao sector das asesorías de empresas e a consultoría informática e tecnolóxica.

PUBLICIDADE