Bustamante grava un reality para Internet e os móbiles sobre a súa xira

xoves, 7 de agosto do 2008 Raquel Noya

David Bustamante, o cántabro máis popular entre as adolescentes españolas dende que cambiou a paleta polo micrófono, non tivo abondo con expoñer a súa vida privada ao público durante a súa estancia na dura academia de Operación Triunfo e agora vén de anunciar que unha cámara está xa a gravar o seu día a día máis persoal durante a súa xira por América (que remata en setembro) para logo pendurar as imaxes en Internet e distribuílas a través dos móbiles. O programa mostrará ensaios, intres previos ás actuacións e diversos momentos de lecer do artista, así como distintas escenas rexistradas por el mesmo.

O proxecto audiovisual de Bustamante chámase “docu-reality”, está producido por Endemol España e emitirase ó rematar o verán a través de Internet e dos teléfonos móbiles. Nel, o cantante pretende contar (por se lle interesa a alguén) como é a súa vida persoal e profesional dende dentro para que vexamos que non todo o que reloce é ouro e que, en realidade, ser artista nestes tempos nos que a piratería é a protagonista, hai que traballar arreo para ter un avión privado a xogo cunha embarcación de luxo ás portas do chalé de Miami.

Esta non é a primeira vez que unha iniciativa destas características ten lugar por estas terras, pois xa Melendi nos deleitou hai un par de anos con imaxes gravadas durante a súa xira, listas para ser descargadas dende os móbiles previo pago e que, por certo, nada tiñan que ver cos concertos propiamente ditos.

Aínda sen data fixa, estepseudo-documental estrearase nos portais Portalmix e Terra, así como en varias operadoras de telefonía móbil coas que ata o momento non se pecharon as negociacións. Nos agardámolo como auga de maio.

PUBLICIDADE