Bull deseña un supercomputador con potencial para ler dous mil millóns de libros nun segundo
venres, 16 de marzo do 2012
A investigación europea ten un novo puntal da
man de GENCI, organización francesa
especializada en informática e en alto rendemento. Máis polo miúdo, trátase da
posta en marcha, ao abeiro da entidade, do
supercomputador Curie, chamado así en honra da senlleira investigadora Marie Curie, responsábel en
boa medida dos principais achados relativos á radioactividade. O equipo,
deseñado por Bull, “abre posibilidades
sen precedentes para a investigación industrial e académica europea”,
sinala a compañía. Para facérmonos unha idea do seu potencial cómpre pensar que
equivale a ler dous mil millóns de libros nun só segundo.
Este é o nivel de rendemento do supercomputador,
xa dispoñíbel para todo tipo de proxectos de investigación. Curie, sinala Bull,
é quen de acadar até 2.000 billóns de operacións por segundo (ou 2 petaflops
por segundo), consta de máis de 92.000 núcleos de proceso, ligados a un sistema
que pode amorear o que equivale aos arquivos MP3 de 7.600 anos, a unha
velocidade de 250 xigas por segundo, “100.000
veces máis rápido có logrado a través dunha conexión ADSL ultrarrápida”.
A previsión é de que a arquitectura do
aparello, combinada coa potencia do proceso e da capacidade datos, permita un
alto nivel de traballo investigador. Permitirá, informa a entidade GENCI,
abordar os maiores retos científicos endexamais emprendidos, en eidos como a
climatoloxía, a astrofísica ou as ciencias da vida.
O supercomputador achegouse en dúas quendas, a
finais de 2010 e a finais de 2011. Arestora está instalado e coa configuración
xa foi probada, está dispoñíbel para a comunidade de I+D mundial. Na fase
previa de probas, leváronse a cabo traballos como o que liderou en decembro Michel
Caffarel dende o laboratorio de Física e Química do Centre National de la
Recherche Scientifique da Universidade Paul Sabatier de Toulouse, e que
consistiu nun estudo pormenorizado do comportamento do fenómeno químico no
proceso de dexeneración das neuronas, facendo fincapé na evolución de doentes
de Alzheimer. Os investigadores déronlle forma aos procesos que levan a cabo os
ións metálicos que participan nestes procesos.