Brave, a nova achega de Pixar, trae a Europa o revolucionario sistema Dolby Atmos

martes, 7 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

O cinema precipítase cara abaixo, empurrado por unha suba do IVE coma unha estocada, pero a innovación continúa. Se cara por evitar, na medida do posíbel, a caída. Esta semana, sen ir máis lonxe, chega unha estrea cinematográfica cunha novidade tecnolóxica debaixo do brazo: o filme Brave, de Disney-Pixar, que se estrea nos Cinesa Diagonal Mar de Barcelona co sistema Dolby Atmos, até o de agora nunca probado en Europa. A cita será este 10 de agosto, na sala 9 (a primeira de Europa equipada para este sistema), e segundo indica Dolby será unha oportunidade de primeira para ter “unha experiencia sensorial de incríbel realismo e fondura”.
Para a empresa, non estamos ante unha presentación calquera: trátase da innovación en materia de son máis revolucionaria dos últimos anos, e a acollida da industria do cinema está a ser, neste senso, “abrumadora”.
Por certo que non se elixiu unha película de Disney-Pixar por casualidade, xa que estes estudos salientan pola creación de experiencias audiovisuais nunca antes vistas no cinema de animación tradicional. Segundo indicou, precisamente, o director de Brave, Mark Andrews, estamos “ante o máximo expoñente en materia de tecnoloxía de son, incorporando unha nova dimensión á experiencia que supón Brave e dando vida á historia de xeito que complementa a animación e formato 3D do filme; trátase pois dunha experiencia que os seareiros non quererán perderse e endexamais esquecerán”.

PUBLICIDADE