Botan atrás os cambios nas licenzas do Unity Engine

luns, 18 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos días Unity Technologies viviu a crise de reputación máis grande da industria dos videoxogos dende o desastroso lanzamento de Cyberpunk 2077, aínda que desta volta o impacto pode ser moito máis profundo, xa que traduciríase na perda de confianza na compañía detrás dun dos motores gráficos máis empregados a nivel mundial.
Inicialmente Unity anunciou que mudaba as condicións da licencia de Unity Engine, solución que na práctica está composta por dous elementos (Unity Editor e Unity Runtime) e decidiron engadir unha cota para o Unity Runtime (a parte que figura nos executables, ou sexa, nos xogos e aplicacións desenvolvidos co motor), de xeito que cobrarían por instalación e non unicamente unha comisión dos ingresos como viñan a facer até agora.
Tras este importante cambio nas condicións do Unity Engine desatouse un tsunami de reaccións en contra, o que levou a que a compañía publicase un comunicado matizando as condicións do cambio, como que a nova taxa só se aplicaría unha vez superado un nivel de ingresos, e tamén un número mínimo de instalacións (no caso dos plans máis reducidos o límite estará en 200.000 dólares de ingreso nos últimos 12 meses e 200.000 instalacións do xogo).
Tamén tiveron que matizar o que consideraban unha instalación, xa que os desenvolvedores estaban preocupados por ter que pagar por reinstalacións por parte dun mesmo usuario e por instalacións fraudulentas, así como o que acontecería cos xogos en streaming ou incluídos dentro de servizos de subscrición, e a resposta de Unity non tranquilizou (xa que dificilmente é posible xestionar o que acontece coas copias piratas).
Ante esta situación, varios estudios saíron á palestra para anunciar que deixaban de traballar co Unity Engine (adiantando que borrarían das tendas dixitais os seus xogos antes que ter que pagar por cada instalación), e incluso desculpábanse por ter que adiar algúns dos seus lanzamentos por mor de ter que mudar de motor, xa que consideraban totalmente inaceptable o cambio das condicións de licenza do Unity Engine. E por se todo isto non era debidamente grave, Unity tivo que desaloxar as súas oficinas en San Francisco e Austin tras recibir ameazas de morte cribles.
Era innegable que non había un xeito aceptable de corrixir a situación que non fose botarse atrás, e finalmente Unity Technologies publicou que atende ás demandas dos usuarios, pide perdón pola confusión e a anguria creada, e anuncia que nun par de días publicarán unha actualización nun par de días mudando de novo as condicións de licenza de Unity Engine.
Pero como é posible que Unity fixese unha xogada tan mesquiña que non só podería facerlle perder a unha chea de desenvolvedores, senón que tamén podería desencadear demandas colectivas por impor unhas condicións abusivas (lembremos que un xogo tarda anos en desenvolverse, polo que mudar as condicións a medio camiño)? Pois todo apunta a que estamos ante unhas medidas desesperadas por parte dunha empresa cuns ingresos moi sólidos, pero que non está debidamente administrada, xa que, polo que podemos ver no seu último balance semestral, na primeira metade de 2023 ingresou 533 millóns de dólares (un 80% máis que no mesmo período do ano pasado) e unhas perdas netas de 193 millóns de dólares (unha redución moi cativa fronte aos 204 millóns de perda do mesmo período do ano pasado). Querer solucionar a situación desangrando aos usuarios do motor parece a solución máis doada, cando está claro que a compañía está a ter uns gastos desmedidos (co incremento de ingresos debería ter deixado atrás as perdas netas); aínda que pouco pode sorprender tal desleixo se lembramos que o director xeral da compañía chegou a insultar publicamente aos desenvolvedores de xogos.

PUBLICIDADE