Boas novas para a animación galega dende Cartoon Movie

mércores, 12 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Imaxe da película Nocturna

Van correr bos tempos para a animación nos vindeiros anos. Esta é a mensaxe principal da Asociación Europea de Filmes de Animación con motivo do seguinte acontecemento: o décimo aniversario do festival Cartoon Movie que organiza esta entidade cada ano e que desta volta se vén de celebrar en Postdam, Alemaña, do 5 ó 7 de marzo. O caso é que, a tenor de todo o visto no certame (incluídos filmes de participación galega como Nocturna e Donkey Xote e un uso cada vez máis sorprendente e rendible das novas tecnoloxías), a industria europea está a pasar por un bo momento e todos os sinais indican –segundo apunta a devandita entidade- que haberá un medre no financiamento e nas audiencias.
Dende 1999, 123 proxectos obtiveron financiación plena grazas a este foro anual, movéndose ó longo deste anos e nestes produtos en concreto un investimento de 800 millóns de euros, o que confirma o papel cada vez máis importante da animación en Europa”.
Para máis información sobre estas estatísticas a asociación vén de habilitar este pdf.
A décima edición de Cartoon Movie foi especialmente salientable no que se refire á calidade do presentado, e obras como Dragon Hunters, Fly me to the moon (da firma belga nWave Pictures) ou as –en boa medida- galegas Nocturna (cos seus directores Víctor Maldonado e Adrián García nomeados) e Donkey Xote deixaron o listón ben alto para vindeiras convocatorias.

PUBLICIDADE