Blusens recibe con interese as propostas da gañadora do concurso da Cátedra Bancaja

venres, 27 de xullo do 2012 Raquel Noya

A emprendedora Tamara Gómez, recentemente licenciada en Economía pola Universidade de Vigo, vén de facerse co primeiro premio do concurso 7 meses, 7 experiencias, organizado pola Cátedra Bancaja Jóvenes Emprendedores, para darlle a oportunidade a 25 estudantes da entidade académica de coñecer de primeira man o funcionamento dalgúns dos negocios máis punteiros do país, ao tempo que propoñían ideas para melloralos.
Os participantes tiveron ocasión de visitar distintas empresas do sector produtivo galego, entre elas Bodegas Valmiñor, Blusens, Grupo Marsan, Indasa, Cointega e o Club Financeiro de Vigo, e interactuar co seu persoal para coñecer de preto as fortalezas e debilidades de cada firma, podendo deste xeito, ofrecer ideas para tentar mellorar o seu rendemento.
A proposta gañadora foi, como dicíamos, a de Tamara Gómez, que se centrou en explorar as súas necesidades e en atopar fórmulas de I+D+i para Blusens, Bodegas Valmiñor e Marsan.
A gañadora destaca que as súas ideas son froito do traballo realizado durante os meses de aproximación ás empresas, “onde puidemos coñecer de primeira man as diversas problemáticas, experiencias e visións que nos trataron de comunicar os seus xerentes e tamén ver as respectivas cadeas de fabricación e o modo de funcionamento de cada centro de traballo”, apunta.
Gómez propuxo para Blusens unhas liñas de diversificación da súa actividade, ampliando a súa oferta de produtos; a especialización en sectores con gran proxección e valor engadido, e o establecemento de alianzas e colaboracións entre empresas para sacar adiante proxectos, segundo afirma, “máis ambiciosos”.

PUBLICIDADE