BigStar.tv: nova canle en liña do cinema que non se proxecta

xoves, 11 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Salvando as diferenzas de fondo e feitura, o novo proxecto na rede de nome “BigStar.tv” recolle en boa medida o espírito dunha vella coñecida de Código Cero, a web Apadrinaunartista.com. Falamos desa posibilidade que achega a Internet para permitir facer a través dela o que antes semellaba coto exclusivo dos grandes selos e das grandes discográficas. Dito doutro xeito: a Rede é en certa maneira unha vía aberta por onde as majors non exercían vixilancia. Por aí ábrense camiño, fodéndolle á industria tradicional os alicerces, todo tipo de propostas: dende as máis libres e con menos arela de lucro até as que, respectando e tendo en conta certas maneiras independentes, non renuncian ao negocio. É aquí mesmo onde se pode situar Bitgstar.tv, canle en liña que aparece estes días avaliada polo miúdo en diversos medios, entre eles Elpais.com.
Do que se trata, din os seus responsables (a firma española King-e-Client) é de promover filmes e festivais alternativos ás grandes vías de distribución. Ou sexa, que quen guste de todos aqueles produtos que os cinemas que operan na nosa terra nunca proxectarían (anticomerciais de máis, locais de máis, bos de máis) ben pode ficar atento ao que lle ofreza.
Máis polo miúdo trátase dunha plataforma onde poderemos ver tráileres, alugar ou até mercar películas de cinema alternativo. A achega neste intre vai alén das 500 obras (de todo tipo, dende curtas a documentais) e a intención dos seus responsables é converter a web nunha especie de depositario de todo aquilo que perde a partida na distribución cinematográfica coas películas sobre universitarios doentes ou sobre un asasino sádico que idea unha morte sanguenta tras outra. O prezo das obras que podemos atopar nesta web van dende o dólar (aluguer) até os 10 dólares (merca). Para poder gozar da oferta da plataforma deberemos ter instalado no equipo o reprodutor DivX Player, posto que é ese o formato elixido para a distribución, precisamente por achegar unha relativamente boa calidade de imaxe e son e por ser máis ou menos manexable nas redes. Amais de ver os filmes no ordenador, tamén poderemos gravalos (en caso de mercalos) en CD ou en DVD.

PUBLICIDADE