Barrán prepara en Santiago e A Coruña un completo programa de accións formativas sobre software libre

venres, 12 de xullo do 2013 Redacción

A nova emprega galega Grupo Barrán vai organizar os meses vindeiros unha serie de actividades de formación e difusión de software libre. Para comezar, celebraranse dous cursos de verán sobre programación aberta, un de GNU/Linux e outro de aplicacións libres de uso xeral, que xa teñen aberto o prazo de inscrición. Esta liña formativa complementarase cos seminarios Emprender con software libre, a desenvolver no mes de setembro, o primeiro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago) e o segundo no centro Ágora da Coruña.
Volvendo aos cursos, dicir que se van desenvolver durante os meses de agosto, setembro e outubro, cunha duración de 72 horas cada un e impartidos con formato presencial en Santiago de Compostela. A oferta de prazas é limitada, e o custe dos cursos é de 20 euros ao mes. As persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse nestas achegas deben contactar coa empresa a través do formulario de contacto ou de inscrición. O programa dos cursos inclúe aspectos a tratar do máis variado, como administración de sistemas Linux, instalación, configuración de redes, melloras na seguridade, xestión de software, instalación e xestión de programas ou (no caso do curso de ferramentas libres), introdución ao código aberto e á contorna Gnome, ofimática libre (LibreOffice e Abiworld), edición gráfica (Gimp), deseño 3D (Blender) ou xestión de correo electrónico (Thunderbird).
Polo que atinxe aos seminarios, están a ser artellados en colaboración coa Academia Athenea e virán da man de José Barrán, propietario do devandito Grupo e profesor de informática con ampla experiencia no eido da programación aberta. Os seminarios (que en realidade é un, aínda que achegado en dúas cidades, Santiago e Coruña) van dirixidos a todas aquelas persoas que estean pensando en montar o seu propio negocio e teñan orzamentos axustados e confianza no amplo potencial do software libre en materia de xestión ou de ferramenta de comunicación. Terán unha duración aproximada de 120 minutos e, ao seu abeiro, trataranse diversos temas, explicando aos asistentes, en primeiro lugar, temas de interese xeral á hora de poñer en marcha un novo negocio, como poden ser, posibles formas xurídicas, trámites burocráticos necesarios, como obter financiamento ou simplemente por onde empezar; e en segundo lugar centrándose xa no eido do software libre, exporanse diversas opcións de negocio que nos brinda o software libre, como empezar un proxecto de software libre, como facer que dea beneficio, expoñendo diversos casos de éxito como exemplo.

PUBLICIDADE