Barcelona Televisió proba unha tecnoloxía que permite transmitir vídeo en directo valéndose da rede de telefonía móbil

venres, 27 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A canle de televisión local Barcelona Televisió emitiu esta semana unha reportaxe en directo sen precisar dunha unidade de enlaces terrestres ou de satélite para a captura e transmisión do sinal audiovisual xa que se valeu da rede de telefonía móbil de terceira xeración (UMTS) para facer tal mediante unha tecnoloxía coñecida coma WENG, pioneira no sector e que incrementa as posibilidades dos medios de comunicación de pequeno e mediano tamaño que poden reducir considerablemente os seus custos de comunicación para as súas unidades móbiles que poderán moverse por calquera lugar onde haxa cobertura de telefonía 3G.
Esta nova tecnoloxía foi desenvolvida polo Centro de Barcelona de Telefónica I+D, e pasou a súa proba de lume no programa Hola Barcelona de Barcelona Televisió cunha reportaxe de 20 minutos de duración que se puido ver a pantalla completa (fronte a outras iniciativas semellantes que teñen que presentar os vídeos transmitidos polo móbil a un tamaño reducido por mor da súa pouca calidade, xa que empregaban tecnoloxía propia das videochamadas).
Para poder garantir a calidade, a tecnoloxía WENG emprega varias conexións UMTS (ou HSPA) para transmitir o sinal, podendo as cámaras moverse libremente, xa que non precisaría de cables para a transmisión, de xeito que non só se gaña nun abaratamento de prezos, senón que se mellora substancialmente a mobilidade dos recursos de captación de imaxes de vídeo con este tipo de solucións que poderían revolucionar os medios informativos durante os vindeiros anos (o WENG aínda está en fase experimental, e non se comercializa polo momento).

PUBLICIDADE