Baldomero Toscano deixa ver en Arteixo unha boa parte da TV do futuro

venres, 30 de xaneiro do 2015 Redacción

Como será a televisión do futuro? Moito de resposta a esta pregunta houbo na cita convocada este xoves polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG) en Arteixo, A Coruña, que contou coa participación de Baldomero Toscano, director de Produción de Programas de Mediaset España. O marco da cita con Toscano foi un foro do CLAG sobre a creación de contidos televisivos no actual contexto multimedia, cuestións coas que o relator convive todos os días. Para comezar, antes de permitirlles aos presentes albiscar a televisión vindeira, achegouse á televisión do presente. Ou mellor dito: a como debe ser unha televisión do presente.
Ao seu xuízo, o valor dunha canle de TV vén dado polo poder que teñen as marcas dos seus produtos. “A promoción de cada unha delas”, dixo, “é prioritario para o seu éxito”. Na súa opinión, as redes sociais son boas amigas das cadeas de televisión.
O encontro, organizado en colaboración co Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) da Universidade da Coruña, contou tamén coa participación do presidente do CLAG, Andrés Barbé, e a subdirectora da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, María José Arrojo. Ao foro, sinala o Clúster, asistiron preto de medio centenar de produtores galegos máis alumnos do audiovisual. Baldomero Toscano arrancou o seu relatorio sinalando “que a televisión convencional está viva, fronte a morte que lle auguraban moitos hai uns anos, tal e como o demostran as cifras do consumo medio de televisión en España, que a día 18 de xaneiro era de 313 minutos por espectador e día”. Pola contra, dixo que si que é certo que a crise económica deixouse notar, aínda que non precisamente nas devanditas cifras. De feito, dixo, a focha produtiva motivou un cambio de modelo na TV convencional en España, un cambio “que vén marcado polo abaratamento dos custes de produción, cuns contidos máis condicionados a estes custos, e un alongamento da duración dos formatos”.
No ámbito do contexto multimedia actual e vindeiro, o directivo de Mediaset España falou tamén do fenómeno da televisión estendida e salientou “o efecto amplificador de Internet”. Ao seu xuízo, a Internet e as redes sociais son un ámbito ideal para desenvolver estratexias de marca e recursos que manteñan no tempo ao espectador, que fagan audiencia fiel. Cualificou a Internet de “segunda pantalla” e dixo que resulta xa fundamental para xuntar espectadores e garantir o futuro dunha cadea. Para certificalo, amosou en cifras “o forte crecemento experimentado no último ano polas distintas plataformas dixitais deste grupo de comunicación”, avalado pola súa ampla presenza multimedia.
Asemade e respecto da televisión do futuro, Toscano amosou o seu convencemento nas novas oportunidades que van xurdir para a TV en España. “A clave”, dixo, “está en saber aproveitalas e lograr sacar un rendemento económico delas”. Ao fío disto, Toscano advertiu ·que é preciso ver na tecnoloxía a unha aliada, e nas redes sociais unha oportunidade de negocio, de expansión e unha ferramenta para conseguir novos espectadores”. E engadiu: “Ademais as redes sociais incidiron positivamente no aumento do consumo de televisión”.

PUBLICIDADE