BIC i-TEAMS, un novo programa para promover a innovación nas novas empresas tecnolóxicas

luns, 26 de setembro do 2011 Redacción

Maite Cancelo, directora de BIC Galicia, será unha das encargadas de dar a coñecer o Programa BIC i-TEAMS

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia), vai pór en marcha o Programa BIC i-TEAMS, deseñado para axudar a innovar ás empresas galegas de base tecnolóxica e recente creación, mediante a definición dunha carteira de proxectos de innovación e a concreción dun proxecto específico, en forma de nova proposta de produto ou servizo innovador.
O Programa presentarase nas principais cidades de Galicia, mediante o desenvolvemento de xornadas nas que representantes de BIC Galicia, do IGAPE e das empresas colaboradoras participarán para informar das posibilidades e particularidades do programa a todas as empresas interesadas en participar, así como dos beneficios que lles reportará.
As xornadas de presentación do programa BIC i-TEAMS comezaran a celebrarse o próximo 28 de setembro en A Coruña; o 4 de outubro desenvolverase a xornada de presentación en Lugo, o día 10, en Santiago, o día 11 en Ourense e o día 13 de outubro en Vigo.
Nestas xornadas explicativas participará a directora de BIC Galicia, Maite Cancelo, xunto con representantes do IGAPE e de empresas que destacan pola súa experiencia do ámbito da innovación.

Programa BIC i-TEAMS

O Programa BIC i-TEAMS aplicará técnicas e ferramentas probadas con éxito en máis dun cento de PEME galegas, na súa maioría con menos de catro anos de vida. De feito, a metodoloxía de BIC i-TEAMS está especialmente adaptada ás necesidades das empresas que leven pouco tempo funcionando, tendo en conta os seus recursos limitados. Por iso, os requisitos de participación no programa que se vai presentar nas distintas cidades galegas son que as empresas teñan menos de 48 meses e sexan de base tecnolóxica ou baseadas no coñecemento.
O equipo encargado de desenvolver o Programa impartirá formación práctica e asesoramento individualizado en cada unha das firmas participantes, para que as empresas novas aprendan a desenvolver por si mesmas unha cultura empresarial de innovación e as habilidades necesarias para ofrecer produtos e servizos de alto valor engadido, axeitados ás esixentes demandas actuais dos mercados. Seguindo ese método, será posible xerar resultados en forma dunha nova carteira de proxectos e un proxecto específico de innovación nun período de tempo menor de 3 meses.
O obxectivo é que, coa axuda de expertos externos, as empresas participantes definan unha iniciativa específica que dea lugar a un produto ou servizo innovador, e que, unha vez finalizado o programa, o propio persoal das empresas participantes estea preparado para manter o desenvolvemento dos procesos de innovación necesarios para consolidar a súa competitividade.

PUBLICIDADE