Ayaneo presenta a primeira consola portátil con Windows e dobre pantalla

venres, 5 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Ayaneo continúa subido ao carro dos ordenadores persoais que adoptan a forma de consolas portátiles, e este mes vai pór á venda unha destas máquinas que resulta bastante sorprendente, por contar cunha versión con dobre pantalla, de xeito que sería a primeira consola portátil con Windows en adoptar tal formato.
A Ayaneo Flip chegará en dúas versións: DS (con dobre pantalla) e KB (con teclado completo), contando tamén coa clásica cruceta, pancas de xogos analóxicas e unha pantalla IPS Full HD de 7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz que promete ser a delicia dos amantes do xogo portátil.
Esta consola portátil funcionará cun procesador AMD Ryzen 7 7840U (propio de equipos informáticos actuais, polo que prevese que ofrecerá un magnífico desempeño), e tamén conta cun sensor óptico que cumpre a función de rato.
Aínda que a Ayaneo Flip KB entendemos que terá unha boa aceptación entre os usuarios que queiran gozar dunha experiencia máis completa e versátil, hai moito interese por ver o uso que fará a Ayaneo Flip DS da pantalla secundaria táctil de 3,5 polgadas.
En breve saberase as opcións de compra dispoñibles e o prezo deste produto que dá a entender que a elevada competencia entre este tipo de consolas portátiles está a tirar da innovación para dinamizar o mercado.

A aposta pola dobre pantalla é toda unha sorpresa coa que Ayaneo está a atraer moitas miradas

PUBLICIDADE