Avilés, cualificada na Rede como modelo a seguir en cuestión de Wi-Fi público

mércores, 1 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

En cuestión de Wi-Fi, todo semella acabado de saír dunha fase de probas. Non podía ser doutro xeito: trátase dunha tecnoloxía de acceso á Internet, sen fíos, nova, en proceso de melloras e de regulamento. Con todo, na súa implantación ao longo e ancho do territorio estatal estanse a localizar, a xuízo dos especialistas, algúns exemplos a seguir. Ou sexa, puntos fixos para elementos que se moven: a innovación e a distancia que nos separa do coñecemento. Para webs como ADSLZone ou Lavidawifi, entre estes modelos atópase a vila asturiana de Avilés, espazo urbano onde se vén de poñer en marcha un proxecto de 7 millóns de euros de investimento para achegar Wi-Fi de balde en zonas públicas como o casco histórico, o paseo marítimo, os campus e as bibliotecas. A iniciativa, presentada ao detalle polo Concello no Encontro sobre Telecomunicacións, ten unha característica que en certa maneira a diferenza doutras propostas do mesmo pau: é de balde e permite velocidades de entre 10 e 20 megas, cunha capacidade de rede que posibilita a conexión de até 400 usuarias e usuarios de maneira simultánea.
A infraestrutura, que inclúe 66 antenas e 13 quilómetros de fibra óptica, non é nova. En realidade, está xa habilitada dende abril de 2007, sendo a media de emprego de máis de 3.000 conexións ao mes. O que si que é novo é o pulo que se lle está a dar no Concello, incrementando a súa capacidade e favorecendo a participación.
Polo que respecta aos posibles problemas de competencia desleal que se poidan desprender do feito de que un goberno local ofreza un servizo de balde en substitución dunha iniciativa privada que xere negocio, o Concello xa saíu ao paso en constantes ocasións: o seu obxectivo, di, non é competir cos operadores senón achegar acceso de balde aos cidadáns que permita conexións á Rede de alta velocidade e levar a cabo trámites coas administracións pola vía do dixital. Dito doutro xeito: sinalan os responsables que non supón un atranco para que ningún operador de telecomunicacións. De feito, engaden, tendo en conta que o 98% da poboación da cidade xa ten banda larga no seu fogar, non semella que se poida falar dunha gran cantidade de veciños que estean a dar de baixa os servizos privados en beneficio da opción pública.
Por certo que segundo explica Lavidawifi, o modelo de Avilés respecta a legalidade establecida polo miúdo pola CMT (Comisión do Mercado das Telecomunicacións), xa que é unha empresa a que actúa como cliente e pagadora da terminal, sendo a través de patrocinios e publicidade como se favorece que a rede sexa sostible.

PUBLICIDADE