Aumenta o spam relacionado co Mundial de Sudáfrica

luns, 7 de xuño do 2010 Raquel Noya

Como xa apuntamos neste medio en anteriores ocasións, as datas sinaladas no calendario como o Nadal, o Día do Pai e da Nai, o día de San Valentín, etc., multiplican de xeito desconsiderado o envío de mensaxes de spam ás nosas contas de correo electrónico, con ofertas á “nosa medida” para mercar “o regalo ideal” para os nosos familiares e amigos.
Porén non só este tipo de eventos son carne de canón para os temidos spammers, senón que as competicións deportivas como poden ser a Eurocopa, as Olimpíadas ou agora o Mundial de Fútbol de Sudáfrica, son momentos óptimos para poñer a andar os miolos e buscar a maneira de estafar aos internautas afeccionados a estas cousas.
De feito, segundo veñen de informar os especialistas de Symantec Security Response, unha compañía especializada en protección e administración de datos, o spam sobre a Copa do Mundo 2010 da FIFAincrementouse preto dun 27 por cento nos últimos días” e ben seguro que se ha de ir incrementando conforme se achegue a data de inicio, o vindeiro 11 de xuño.
Ata o de agora, a compañía identificou diferentes tipos de enganos, phishing e spam que conteñen arquivos adxuntos maliciosos relacionados co evento deportivo máis grande do ano.
De feito, as persoas usuarias de contas de correo electrónico e de Internet en xeral, poderán recibir nos vindeiros días varios tipos de spam, como ofertas para entradas, vídeos falsos que supostamente mostran as mellores xogadas e que no seu lugar distribúen malware ou ofertas enganosas sobre produtos oficiais da FIFA.
Dende a compañía informan que debemos ter coidado con palabras “obvias” usadas neste tipo de correos para darnos conta de que pode tratarse de correo non desexado, tales como “FIFA 2010”, “2010 FIFA”, “Football World Cup” e “FIFA World Cup”.
As previsións son agora que, tal e como se veu incrementando o este tipo de spam mes a mes, conformen pasen os días, o volumen incrementarase considerablemente ao longo desta semana e da que vén.

PUBLICIDADE