As xornadas libres do Ateneo Ferrolán afondan este sábado no uso de GNU/Linux

venres, 30 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A comunidade galega de usuarios e deseñadores de software libre segue a coller folgos para levar a cabo de xeito autónomo a promoción e a divulgación das vantaxes (para usuarios, empresas ou institucións) dos programas abertos. Estes precisamente son os alicerces dos encontros que está a organizar estes días o Ateneo Ferrolán na súa sede da rúa Magdalena: unhas xornadas que serven de introdución ao emprego básico do código aberto e, asemade, de desenvolvemento dos conceptos xa adquiridos. As Xornadas GNU/Linux inclúen tres días para a promoción do devandito sistema operativo libre, incluído este sábado 31.
En liñas xerais, o programa quedou así: día 28 (o pasado mércores, que se dedicou entre outras cousas a tirar abaixo os posibles atrancos que impiden o contacto da xente con este tipo de programas), día 30 (venres, xornada centrada nun obradoiro de instalación de GNU/Linux no que calquera pode participar co seu equipo) e o día 31 (este sábado, xornada dedicada a ir alén nos coñecementos adquiridos nas sesións previas).
Máis en detalle, estas son as actividades de mañá:
Sábado 31 de outubro: "Máis a fondo"
Instalación de aplicacións e repositorios.
Libre ou non libre: Códecs, controladores e engadidos.
Aplicativos e equivalencias libres: Ofimática, redes, gráficos, multimedia, xogos... e todo o que precises.
Configuración de redes con e sen fíos.
Emuladores e máquinas virtuais.

PUBLICIDADE