As xornadas do colectivo Ousli achegarán recursos para facer Web con software libre

luns, 9 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Nunha entrevista recente con Roberto Vieito (autor dun completo estudo sobre o código aberto na nosa terra), este aproveitou o tema principal a tratar –o software libre e a súa pegada- para poñer de manifesto unha das realidades probablemente máis inxustas do panorama actual da Sociedade da Información: o pouco coñecemento que existe sobre a programación aberta e a todos os niveis, perante o moito que se sabe sobre a pechada. Contribuír na medida do posible a corrixir esta situación de desequilibrio (tanto máis inxustificada se temos en conta que o software libre xurdiu antes có privativo) é o gran obxectivo xenérico da segunda convocatoria das Xornadas de Programación Web con Software Libre que organiza o colectivo Ousli entre o 23 e o 27 de xuño no Edificio Politécnico do Campus de Ourense.
Estes encontros, convocados co obxectivo específico de amosar todas as posibilidades que as novas tecnoloxías do mercado en deseño web subministran para levar a cabo proxectos cen por cen con software libre, van orientados tamén a facer do espazo físico do dito edificio un obradoiro de participantes en liña procedentes de moi diversos eidos: estudantes, mestres, programadores, profesionais en xeral das TIC, etc.
As xornadas están organizadas co apoio da Consellería de Innovación a través do Centro de Referencia de Servizos de Software Libre, Mancomun, e a Vicerreitoría do campus, así como da Escola Superior de Enxeñaría Informática da que proceden os membros de Ousli. Cómpre lembrar que este colectivo é unha asociación cultural de ámbito autonómico sen arela de lucro que xurdiu coa finalidade de promover o código aberto e máis o emprego do galego nas Sociedade da Información. Actualmente conta con sete compoñentes todos eles alumnos, ex alumnos ou profesores da ESEI agás un de Telecomunicacións.
Aberto o prazo de inscrición
Para poder participar nas xornadas e recibir o material que se vai entregar nelas sobre os relatorios, ademais do diploma de asistencia, os interesados deberán inscribirse previamente na páxina web de Ousli, onde tamén atoparán máis información. O prazo para matricularse xa comezou e ficará aberto ata o día 17 de xuño, último para facer o ingreso das taxas que no caso dos estudantes da Universidade de Vigo ascenden a 20 euros, 10 se son bolseiros e 40 para o resto dos participantes.

PUBLICIDADE