As xornadas Marca Galicia contarán cun obradoiro de creación de imaxe de Joan Costa

martes, 22 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

O desenvolvemento de Galiza tamén depende de como a presentemos na Rede, cultural, económica e socialmente falando, de se achegamos ou non feituras que lle acaian coma luvas ó seu fondo. Atopar vieiros para procurar isto e máis resultados innovadores e de calidade son algúns dos grandes obxectivos das Xornadas sobre o Publicidade que, baixo o título Marca Galicia, desenvólvense do 29 de maio ó 1 de xuño na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, no Campus de Pontevedra. No evento, que está organizado polo Club Internacional de Prensa, participarán profesionais da comunicación, da publicidade, estudantes, directores de comunicación de empresas e institucións, etc.
O prazo para participar nas xornadas, nas que intervirá (entre outros) o investigador catalán da comunicación visual Joan Costa (na fotografía), ofrecendo un obradoiro sobre a creación de marca, remata este venres 25.
En termos da propia organización, o obxectivo deste encontro é “debater sobre a necesidade de crear unha marca en Galicia que achegue un valor diferencial dentro da comunicación global”. E engade: “A forma publicitaria importa, pero o fondo tamén”.
As xornadas inclúen tres relatorios (do presidente de B&P Conde, Miguel Conde Lobato; a vicedecana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Mónica Valderrama, e do comunicólogo Joan Costa), e de cinco mesas debate nas que participarán profesionais da publicidade e da comunicación en xeral.

PUBLICIDADE