As tres universidades galegas xa contan con distribución GNU/Linux de seu: SO.xug

venres, 14 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Oficina de Software Libre do consorcio interuniversitario galego CIXUG publicou unha ferramenta aberta de gran potencial para o noso eido educativo superior. De feito, tal e como reflicte Mancomún, estamos ante a primeira distribución de GNU/Linux adaptada para cubrir ás necesidades das universidades do Sistema Universitario Galego: a USC (Santiago), a UVigo e a UDC (A Coruña). O recurso en cuestión preséntase co nome de SO.xug. Por certo que o traballo despregado pola OSL do CIXUG segue o ronsel e máis a experiencia da adaptación de Ubuntu ao eido da USC, levada a cabo pola Oficina de Software Libre da Universidade compostelá. De feito, tira proveito da infraestrutura, dos importantes froitos obtidos e do modelo empregado para a Ubuntu-USC, co que se evita, entre outras cousas, “ter que partir de cero”.
Máis polo miúdo, SO.xug baséase en Ubuntu 12.04 LTS e presenta unha adaptación gráfica cunha escolma de paquetes base para as tres universidades, como software xenérico (LibreOffice, Gimp, Firefox, Thunderbird), software de xestión de aulas usado nas universidades e software común empregado na formación en diferentes facultades e centros. Conta ademais con sitio web de seu, dende o que podemos ter acceso a todo o material que se xera. A web inclúe, entre outras cousas, o seguinte:
· Imaxes iso de descarga para a instalación
· Repositorio propio para a instalación e actualización
· Publicación do código fonte xerado
· Documentación xerada para a creación da distribución
· Acceso aos scripts que a permiten xerar
No que se refire á imaxe, reflicten a OSL de Vigo e máis Mancomun.org, a nova distribución contou cun deseño “completamente novo que segue esteticamente a feitura visual do CIXUG do que depende a OSL e que está formado polas tres universidades galegas”. Por certo que os deseños realizados para a imaxe serán publicados con licenza libre e en formato aberto nos vindeiros días. Entre as importantes vantaxes que este novo recurso pon en xogo atópase o feito de que os centros poderán achegar a cada alumno unha suite completa das ferramentas informáticas que vai precisar nos seus estudos. Ademais, engádese, ao persoal técnico do centro tamén lle facilitará de maneira notábel as tarefas de administración e control dos estudantes. A distribución será instalada nas aulas das universidades en función da demanda dos docente. Con todo, infórmase, “desde a OSL e en colaboración coas tres universidades, deseñarase un plan de implantación para que cada centro das tres universidades conte polo menos cun aula con arrinque dual”. O desenvolvemento desta nova ferramenta insírese no programa de acción da OSL do CIXUG ao abeiro do seu acordo de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

PUBLICIDADE