As normas e certificados de calidade no software, a exame no portal GaliciaPMS

martes, 7 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O LaboratorioPMS vén de publicar na Rede un exhaustivo estudo sobre as distintas normas de calidade e certificación dispoñibles arestora para valorar o nivel do software. A idea deste departamento e do portal galego-europeo no que se enmarca (Galiciapms) non é outra que axudar ás empresas galegas a clarificar o máximo posible as súas ideas neste proceso cada vez máis xeneralizado de procurar avais para os produtos informáticos desenvolvidos, sendo os obxectivos principais destes captar futuros clientes, asegurar ós presentes e aumentar os beneficios e a competitividade.
Segundo nos conta Brais Martínez, coordinador do devandito portal (e tamén dun vello coñecido desta web: ByGalicia), o informe tamén achega coñecemento útil sobre os tres principais modelos para a xestión da calidade do software: o Capability Maturity Model Integration (CMMI) na súa versión 1.2, a norma ISO/IEC 12207 e a metodoloxía MÉTRICA 3. Asemade, entre outros datos prácticos sobre os procedementos a seguir para acadar un aval destas características, indícanse no estudo os principais beneficios ligados á aposta por estes modelos, así como os atrancos cos que se poden atopar as empresas para a súa aplicación.
Para poñérmonos en materia, faise tamén no informe un repaso do rumbo a seguir nos últimos anos por este tipo de procesos, estendéndose sobre todo o emprego da familia de normas ISO 9000 (moitas empresas contan xa con certificacións que acreditan o cumprimento de normas de calidade como a ISO 9000/1977 ou a ISO 9001/2000).
As organizacións que desexan dispoñer dunha certificación, cóntanos Brais Martínez facéndose eco da investigación e máis en concreto dos pasos a seguir, deben delimitar con exactitude o alcance das actividades profesionais que desempeñan, seleccionar unha empresa emisora de certificados e someterse a unha auditoría que executará este ente.

PUBLICIDADE