As grandes televisión británicas únense baixo unha única plataforma de vídeo baixo demanda

xoves, 29 de novembro do 2007 Marcus Fernández

No Reino Unido as canles televisivas BBC, ITV e Channel 4 acordaron asociarse para lanzar conxuntamente un servizo de vídeo baixo demanda que se chamará Kangaroo e que comezará a funcionar o vindeiro ano ofrecendo máis de 10.000 horas de programación tanto actual coma de arquivo.
A meirande parte dos contidos distribuídos nesta plataforma serán de balde e procurarán compatibilizala cos reprodutores actuais das televisións (iPlayer, itv.com e 4oD) establecendo «unha asociación histórica entre os maiores medios do Reino Unido» a xuízo de John Smith, xefe executivo da BBC. Smith asegurou que con esta alianza darán ós espectadores un servizo de vídeo baixo demanda cun valor engadido real, que amais estará accesible dende un mesmo sitio, facilitando o seu uso para os espectadores.
Michael Grade, director executivo de ITV, comentou que “o servizo conxunto ten suficiente potencial para converterse nun importante escaparate para o contido británica da canle, e é unha grande oferta para os espectadores”, mentres que o director de Channel 4, Andy Duncan, afirmou que queren «continuar construíndo e innovando nesta área, dando ós espectadores o control final sobre o que ven e cando o ven».
As canles participantes en Kangaroo compartirán os beneficios comerciais da nova plataforma, que estará presidida por Lesley MacKenzie, anterior director de canles e operacións de BSkyB.

PUBLICIDADE