As galegas Portocabo TV e Pequerrecho, no salón MIPCOM de Cannes

martes, 9 de outubro do 2012 Redacción

A 28 edición de MIPCOM, mercado de contido audiovisual no que se xuntan cada ano profesionais de todo o mundo compartindo innovación e amosando novos vieiros para o sector, conta xa con notábel presenza galega. Máis polo miúdo, á xuntanza profesional (con sede en Cannes dende este luns até o vindeiro 11 de outubro) acudiron as empresas Portocabo TV e Pequerrecho Subtitulación, baixo o acubillo do CLAG e co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Portocabo TV, que tamén acode coa delegación do ICEX e terá presenza no pavillón oficial español, viaxa a Cannes na procura de coprodución internacional para catro dos seus proxectos, entre os que está El verano de los juguetes muertos, a adaptación da primeira novel de Toni Hill, un thriller policiaco ambientado en Barcelona.
Pola súa banda, a empresa Pequerrecho Subtitulación é a primeira vez que participa en MIPCOM, aínda que os seus responsables, María Pérez e Sergio Sampedro, chegan a este mercado cunha axenda repleta de encontros. “A través desta toma de contacto”, informa o CLAG, “buscan incrementar a súa carteira de clientes entre produtores, distribuidores, estudos de posprodución, etc. para ofrecer un servizo de carácter internacional en calquera lingua, tras traspasar xa a súa liña de negocio a mercado nacional”.
Pola súa parte, o ICEX -España Exportación e Inversiones-, xunto coa Xunta de Galicia e a Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles (FAPAE), organiza a participación española baixo o pavillón oficial e a marca Audiovisual From Spain, que contará con 23 exhibidores e máis de 100 profesionais participantes. En concreto, o stand paraugas Audiovisual From Spain acollerá durante MIPCOM ás empresas Antena 3, Boomerang TV International, Comercial TV, Elastic Rights, Eurostar Mediagroup, Explora Films, Film Factory Entertainment, Filmax International, Filmotec, Finding4you, Grupo Ganga Producciones, Imira Entertainment, KWA, Latido Films, Nottingham Forest Media Advisors, Phileas Productions, Portocabo TV, Sogepaq, Telecinco–Cuatro, Grupo Veralia, Vértice Sales, Vodka e Grupo ZZJ.

PUBLICIDADE