As empresas españolas botan man das TIC para ser máis competitivas

luns, 14 de marzo do 2011 Raquel Noya

A día de hoxe, practicamente a totalidade das grandes empresas nacionais e internacionais dispoñen de conexión á Rede e úsana a cotío para as súas xestións rutinarias coa Administración e con outras entidades, algo que entra na lóxica dos tempos porén que non era tan habitual ata hai poucos anos.
Segundo datos aportados polo último informe anual As Tecnoloxías da Información e as Comunicacións na empresa española 2010, do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), “preto do 100 por cento das grandes e medianas empresas ten ordenador, conexión á Rede e correo electrónico” e máis do 90 por cento das mesmas “relaciónase coa Administración pública por Internet”, unha cifra que se achega ao 40 por cento no caso das microempresas.
O estudo, que está baseado en datos do INE a partir da enquisa TIC a empresas, sinala que 2 de cada 3 empresas “ten teléfono móbil e ordenador” e que o 94,3 por cento das microempresas con acceso a Internet conéctanse a través de banda ancha fixa (ADSL ou cable), fronte a un 18,7 por cento que o fai mediante a banda ancha de telefonía móbil.
No tocante á presenza na Rede destas empresas cabe salientar que o 60,8 por cento das pequenas empresas con Internet teñen web propia, (5,6 puntos porcentuais por enriba do pasado ano) e que esta cifra sitúase no 25 por cento cando falamos de microempresas.
Un dato moi alentador extraído deste informe é o crecemento que se observa do comercio electrónico; en especial o crecemento das empresas que compran por Internet, que se sitúan nun 24,1 por cento, 3,8 puntos máis que no ano anterior.
Destacan neste senso as compras online nos sectores da informática, as telecomunicacións e o audivisual, cun 51 por cento de xestións online.
No referente ás microempresas, tamén medrou o número das mesmas que compra mediante o comercio electrónico así como as que se relacionan coa Administración Pública mediante este tipo de operacións.
Por último, a porcentaxe de microempresas que intercambia electrónicamente datos con outras empresas, tales como pedidos, facturas, ordes de pago…, pasou do 9 ao 15,8 por cento, probablemente o proceso empresarial mediante as TIC con maior incremento no último ano.

PUBLICIDADE