As empresas e os concellos galegos mostran unha percepción positiva do software libre

martes, 24 de marzo do 2009 Raquel Noya

O Observatorio Galego da Sociedade da Información vén de publicar hoxe os resultados da Enquisa sobre o Software Libre nas Empresas Informáticas de Galiza así como nos Concellos de Galiza, correspondentes ao ano 2008, que completan os obtidos anteriormente a partir das enquisas sobre software libre nas pequenas e medianas empresas e no centros de ensino de Galiza, presentados hai dúas semanas polo mesmo organismo.
Estes estudos, que tiñan como obxectivo analizar o grao de implantación das aplicacións abertas en catro ámbitos estratéxicos: concellos, empresas informáticas, centros de ensino e pequenas e medianas empresas, establecen un marco comparativo que permite estudar a evolución experimentada nos tres últimos anos, medindo o impacto das iniciativas desenvolvidas para a promoción do software libre na nosa Comunidade.
Os informes, que se atopan a disposición dos interesados a través da páxina web do Observatorio, foron elaborados a partir dos datos obtidos dunha enquisa telefónica realizada a 225 empresas informáticas galegas de menos de 50 empregaodos/as e a 100 concellos de máis de 5.000 habitantes.
Neles obsérvase que o software libre “segue a ter maior presenza nos ordenadores que nos servidores das empresas informáticas e a súa implantación realízase en maior medida a través dos aplicativos de usuario”.
Este estudo, confirma, asemade,“as percepcións positivas sobre o uso do software libre e abre un abano de expectativas favorables cara a extensión do uso do software libre noutras empresas”.
Como podemos comprobar no gráfico adxunto, a presenza do software libre nas empresas informáticas galegas, experimentou unha evolución moi positiva durante o periodo comprendido entre 2006 e 2008, de xeito que a porcentaxe de empresas informáticas que dispoñen de aplicacións de código aberto, pasou do 57,9 por cento en 2006 ao 69,3 por cento no 2008.
Por outra banda, e observando o informe obtido a partir da Enquisa sobre o Software Libre nos Concellos de Galiza, vemos que os concellos de máis de 5.000 habitantes, “seguen as estar satisfeitos polo uso do software libre” e outórganlle unha puntuación de 7,5 sobre 10 ás súas ferramentas.
Esta valoración positiva é complementada cunha boa percepción sobre o uso futuro do software libre nos ordenadores por parte dos concellos e “un 68,9% opina que aumentará nos próximos anos e un 81,6% dos que usan software libre recomendarían o seu uso a outros concellos”.
Neste eido, o uso do software libre tamén aumentou considerablemente (uns 15 puntos porcentuais de media en tódolos concellos estudados), pasando dun 42,9 por cento de 2007 a un 61,7 por cento en 2008 naqueles que teñen entre 5.000 e 20.000 habitantes.

PUBLICIDADE