As empresas botan man do ruído xerado na Rede para facer negocio

mércores, 1 de decembro do 2010 Raquel Noya

A compañía nacional Guidance, especializada na metodoloxía e tanxibilización de resultados de marketing e desenvolvemento de negocios, vén de botar man dos seus coñecementos neste eido para desenvolver unha ferramenta que convirte a opinión e o ruído xerado pola comunidade internauta na Rede, en variables medibles de negocio que poden aproveitar as empresas para o seu propio beneficio.
Trátase de Buzziness, un concepto que ten como obxectivo “transformar o ruido da Rede en negocio para as empresas”, e que vén de ser apadriñado polo Ministerio de Industria.
Segundo os responsables desta iniciativa, “o 67 por cento da poboación consulta en Internet antes de tomar unha decisión sobre algo”, le, consulta, opina, comenta… porén, que pasa con eses comentarios?
Ata o de agora, era difícil saber cousas como, por exemplo, que tendencias de opinión dominaban na Rede?, cal é o político mellor valorado de Internet?, ou que opinión se merecen certos xogadores de fútbol?, porén con esta ferramenta, dende Guidance aseguran que “os usuarios son auténticos emisores de información que as empresas poden aproveitar no que sería o novo mercado entorno ao 2.0”.
O buzzines convirte, pois, as conversacións, opinións, interaccións e informacións xeradas pola comunidade internauta en algún lugar da Rede, en resultados tanxibles para as empresas, institucións, partidos políticos ou outras entidades interesadas en xestionar a súa presenza en Internet.
Agora, coa chegada desta e doutras ferramentas similares, as empresas xa non precisan facer sondeos, enquisas ou informes previos á toma de decisións dalgún negocio pois co Buzziness, esta información pode ser extraída de todo o “ruído” que se xera na Rede e ser transformada en criterios de negocio como o posicionamento, os nichos e oportunidades de mercado, o incremento da produtividade e rendibilidade, a captación de novos clientes ou o grao de fidelización dos existentes, entre outras cousas.
O sistema de Guidance, en concreto, comprende todo o proceso, dende a análise das conversacións na Rede ata a toma de decisións por parte dunha empresa dada, e parte do traballo de filólogos, desenvolvedores e expertos en marketing.

PUBLICIDADE