As curtas gañadoras do certame Nós tamén creamos xa poden verse no Portal da Lingua

xoves, 28 de xaneiro do 2021 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística compartiu o palmarés da IX edición dos premios ás mellores curtametraxes de animación en galego, o certame Nós tamén creamos!, impulsado pola Xunta en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e OQOeditora.
Na modalidade de Infantil resultou gañador o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo pola curtametraxe Mariluz avestruz; na de 1º e 2º cursos de Educación Primaria, recibiu o premio o CEIP Plurilingüe Virxe do Mar de Narón polo traballo Quen pode vencer o virus e na de 3º e 4º de Primaria, o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha por Paco Papán. Todas estas pezas distinguidas, realizadas coa técnica stop-motion, poden verse xa no Portal da Lingua Galega que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como na sección infantil da web da CRTVG.
Os tres centros recibirán cadanseu lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e mais un diploma acreditativo.
Pola súa banda, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería.
Aprender e ensinar innovando
A iniciativa Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que consiste na elaboración nas aulas de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion partindo de narracións literarias, un labor para o que o profesorado recibe materiais e formación no marco do Plan Proxecta, a iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para fomentar a innovación educativa e o traballo en rede e do alumnado e do profesorado.
Neste contexto, o certame de curtas promove, en palabras das entidades organizadoras, “xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas e consegue unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC, as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. Asemade, engaden, “abre unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego e fomenta a creatividade en lingua galega ao tempo que difunde as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG”.

PUBLICIDADE