As cidades do futuro, eixe temático da XVII Noite Galega das Telecomunicacións

mércores, 17 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A XVII Noite Galega das Telecomunicacións, que organizan o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), vaise celebrar o vindeiro 26 de outubro no Gran Hotel da Toxa (O Grove) baixo o acubillo temático das cidades intelixentes (smart cities), os espazos urbanos do futuro integrados por múltiples unidades dixitais interconectadas (empresas, institucións e fogares en liña: a temática da guía-marco presentada os días pasados, precisamente, pola AETG). A Noite, que vai reunir unha boa cantidade dos nosos profesionais ligados ás TIC, do ámbito privado e do público, acollerá unha vez máis a entrega de varios galardóns.
Galardóns como o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o Premio Gerardo García Campos 2012 á mellor iniciativa empresarial no sector, para o que se conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico Gradiant e a Fundación Ingeniero Gerardo García Campos, respectivamente.
O obxectivo tanto de Gradiant (Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia) como da AETG no tocante ao primeiro galardón, é recoñecer a mellor tese doutoral aplicada no sector das TIC, promovendo a realización de investigacións como vehículo de xeración de coñecemento e fomentando a excelencia daqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
A este premio, dotado con 2.000 euros (e co prazo de presentacións xa pechado), concorren aquelas persoas que teñan defendido a súa tese nalgunha das tres universidades galegas durante os anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012 e que teñan relación directa coas áreas da transferencia tecnolóxica (patentes, licencias) e/ou orientación ao negocio.
Pola súa banda, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) convoca nesta ocasión a X edición do Premio Gerardo García Campos 2012 á mellor iniciativa empresarial no sector tecnolóxico galego, un galardón que ten como obxectivo recoñecer un proxecto empresarial emerxente no ámbito das TIC que sexa de utilidade para a sociedade galega.
A este premio, que conta cunha dotación económica de 6.000 euros, optan as pequenas e medianas empresas privadas relacionadas co sector das TIC, iniciativas galegas (na súa totalidade ou en parte) que leven constituídas menos de cinco anos na data da convocatoria. Segundo informan dende a organización, “para a concesión do galardón, valorarase especialmente a viabilidade do proxecto a medio e longo prazo”.
Cidades intelixentes
Como dixemos, a nova edición da Noite estará dedicada ás smart cities (cidades intelixentes), un concepto de espazos urbanos comprometidas co seu contorno, onde as infraestruturas están dotadas de solucións tecnolóxicas avanzadas para facilitar a interacción das persoas cos elementos urbanos e no que están implicados diferentes sectores, como o enerxético ou o asistencial e mesmo outros, como o de turismo e lecer. Interveñen tamén múltiples disciplinas referentes á mobilidade urbana, a seguridade, a teleasistencia, a administración electrónica, etc. Ao fío disto, a Noite contará co apoio das empresas máis importantes dos ditos sectores, “sen as cales”, sinala a AETG-COETG, “non sería posible a celebración do evento”. A cita, engádese, será unha cita para participar activamente no intercambio de ideas e experiencias e máis na xeración de novas oportunidades de negocio.

PUBLICIDADE