As autoridades de Xapón e Italia apostan polo software libre

luns, 16 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Seguen as boas novas para o software libre. Desta volta, proceden de Xapón, onde o goberno daquel país vén de aprobar unha medida que favorece ós distribuidores deste tipo de programas abertos fronte ós produtos con licenza pechada (estando até o de agora en teórica igualdade de condicións perante o sector público), segundo informa a Asociación de Usuarios de GNIX. Amais do devandito (vantaxes no mercado) esta decisión das autoridades niponas significará basicamente o seguinte: que os representantes das institucións públicas estarán obrigados a empregar programas abertos, máis polo miúdo os estándares da OpenDocument Format Alliance.
Mais esta vaga de apoio ó software libre dende o Primeiro Mundo non queda aí, xa que Italia tamén vén de dar un paso importante a prol das fontes abertas, logo de que o seu Parlamento tomase a decisión de migrar todos os seus equipos informáticos a Linux (uns 3.500 postos de acceso). A medida foi impulsada pola esquerda democrática do país, que, para darlle azos á iniciativa decidiu acompañala do seguinte dato, contundente e se cadra moi pouco suxeito a discusión: a aposta polo programa SuSE no Parlamento (que, por certo, anima ó resto das institucións italianas a seguir o exemplo) achegará un aforro anual de preto de tres millóns de euros.

PUBLICIDADE