As aulas do CMG acollen a partir deste luns xornadas e cursos sobre blogs, multimedia e software libre

luns, 27 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

O audiovisual e as redes camiñan cada vez máis preto e, nalgúns aspectos, xa case se confunden nunha mesmo concepto e non se concibe o un sen o outro. Así é como se entende que no eido do mercado da Sociedade da Información se esixa cada vez máis experiencia no audiovisual, e (claro) viceversa. Afondar neste tema e fornecer un novo tipo de aprendizaxe que non sexa nin só tecnolóxico nin só audiovisual, senón as dúas cousas á vez, é un dos grandes obxectivos do Programa de Formación 2006-2007 que vén de presentar en Santiago a Dirección Xeral de Audiovisual nun acto no que tamén se fixo entrega do premio do concurso Creación dun plan de empresa multimedia.
O Programa inclúe para este curso catro grandes iniciativas: as xornadas A Blogosfera (que comezan hoxe polo serán) e os cursos Vídeo na Internet, Software Libre para xerar contidos multimedia e Creación de contidos para DVB: o estándar MHP.
Estas catro iniciativas, que como dixemos van orientadas a formar á sociedade galega no emprego das tecnoloxías aplicadas ó eido audiovisual, vanse desenvolver na sede que o CMG ten en Compostela, que ficará en conexión directa cos restantes centros do CMG a través de videoconferencia.
Segundo fixo saber no acto de presentación o director xeral Manuel Xosé Fernández, os cursos veñen cunha “gran novidade”: están desenvolvidos sobre Blender Learning, que consiste nunha mestura de opcións para acadar unha experiencia na formación moito máis positiva. É dicir: integrarán actividades presenciais, atención titorial e información adicional achegada dende unha plataforma en Internet.
Entrega de premio
Como dixemos, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual fixo entrega este luns do premio do concurso Creación dun plan de empresa multimedia, un proxecto co que se quixo abrir novos vieiros de mercado para a mocidade en liña. No certame tivéronse en conta tres grandes factores: innovación, concreción e esforzo desenvolvido. A xuízo do xurado foi o proxecto de Rosario Vilán o que máis e mellor cumpriu cos requisitos, polo que se fixo co recoñecemento do certame. A nova empresaria (natural de Cádiz pero afincada en Galiza dende 1992, concretamente en Redondela) concorreu no dito concurso cunha iniciativa (en marcha xa) de deseño e creación de roupa histórica de calquera época e cen por cen integrada nas novas plataformas da información. Por certo que este proxecto ten (precisamente) especiais posibilidades de crecemento no marco do sector audiovisual, sobre todo no que atinxe á recreación do vestiario do pasado.
As xornadas A Blogosfera comezan este luns 27
Co obxectivo de achegar o mundo das bitácoras á mocidade a través das experiencias dos máis salientables blogueiros galegos (en concreto, doce), o CMG organiza do 27 ó 30 de novembro e do 11 ó 14 de decembro a iniciativa A Blogosfera, Trátase dunhas xornadas dirixidas a dar a coñecer temas como o emprego de diferentes aplicacións dos blogs, o perfil do galego ou os cadernos persoais con temática fotográfica e de vídeo.
O curso, que se desenvolverá de 16.00 a 20.00 horas a través da rede de aulas do CMG, ten unha duración de 16 horas, divididas en catro xornadas de diferente temática:
Xornada 1: A Blogosfera: primeiros pasos.
Xornada 2: Reflexionando sobre blogs.
Xornada 3: Blogs para mirar.
Xornada 4: Blogs para escoitar.
Cada tema será abordado por distintos profesionais, salientables figuras do mundo dos blogs en Galicia e especialistas en deseño e libre difusión de contidos.

PUBLICIDADE