As V Xornadas Multimedia do GPUL celebraranse o 4 e 5 de maio

martes, 3 de abril do 2012 Raquel Noya

GPUL, unha asociación de programadores e usuarios de Linux que opera dende Facultade de Informática da Coruña, vén de anunciar a apertura da peticións de contribucións para a 5ª edición das súas Xornadas Multimedia, que terán lugar en maio, de maneira que todas aquelas persoas interesadas en aportar propostas de charlas ou actividades, poderán facelo previo rexistro no evento.
Dende a directiva do GPUL agardan a colaboración das persoas interesadas en todo o relativo ao mundo multimedia libre, así como a súa asistencia ás xornadas o vindeiro 4 e 5 de maio.
As propostas poderanse enviar en galego, castelán, portugués, inglés ou mesmo francés, e deberán estar relacionadas co mundo multimedia libre en calquera tipo de enfoque (divulgativo, desenvolvemento, invetigación...).
Agora ben, en referencia ao software, este deberá ser compatible coa definición de software libre da FSF e no tocante ás achegas de hardware, saber que deben ser compatibles coa definición de OSHW.
As persoas interesadas en participar a través de relatorios ou exposicións deberán autorizar ao GPUL a gravar a súa intervención, así como a distribuír tanto a gravación como o resto do material empregado durante a súa intervención, “baixo unha licenza libre”, aclaran.

PUBLICIDADE