As Atochas (A Coruña) acolle estes días encontros sobre cultura e software libre

xoves, 12 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O coñecemento que se transmite sen atrancos e que beneficia non só ao que o recibe senón tamén ao que o dá (posto que a cultura sempre volve, con diferentes feituras e procedencias) sentou o que se poderían denominar os alicerces do software libre. O segundo non se entende sen o primeiro e, a certos niveis, tamén se dá o caso contrario. Non é casual, polo tanto, que os colectivos galegos Olholivre, CSA Atreu e a Casa das Atochas estean a organizar estes días na Coruña uns encontros sobre canles tecnolóxicas abertas, entre outras cuestións.
Este é en boa medida o contido das xornadas Cultura Libre para unha Sociedade Libre que se están a celebrar esta semana e a seguinte e que comezaron o martes 10 cun relatorio/obradoiro de introdución a GNU/Linux, o sistema operativo aberto.
Amais disto, inclúense no programa seminarios de iniciación ás ferramentas de deseño gráfico Inkscpae e Gimp, así como outros encontros de debate e reflexión entorno ao mundo das licenzas Creative Commons, do Copyleft e termos semellantes. As actividades desenvólvense no CSA Atreu (Travesa San José, 2, As Atochas, Montealto) e máis na Casa das Atochas.

PUBLICIDADE