Arrinca a segunda fase da Iniciativa Xabarín co foco posto na programación audiovisual estatal
xoves, 15 de xullo do 2021
A
Mesa
comunicou o inicio da segunda fase da Iniciativa Xabarín,
destinada a garantir a presenza equitativa do galego na programación
audiovisual do Estado español (con vistas ao proxecto de lei xeral
de comunicación que está a elaborar o Goberno central e que se
presentará nos vindeiros meses), poñendo o foco nas novas
plataformas e nas aplicacións móbiles.
Representantes
da Mesa pola Normalización Lingüística e de entidades culturais e
educativas presentaron este 15 de xullo en Compostela a campaña
Queremos galego no audiovisual, coa que arrinca a segunda fase
da Iniciativa Xabarín, referendada xa con máis de 33.000 sinaturas
e co acordo unánime do Parlamento galego.
Como
lembraremos, a proposta da Mesa esixía na súa orixe aumentar a
grella infantil de calidade nas canles da CRTVG- garantir o acceso a
todos os contidos audiovisuais en liña con opción dobrada e
lexendada, así como asegurar informacións e audiodescricións en
galego. Neste sentido, ademais de promover os acordos do parlamento
galego coas produtoras e distribuidoras de contidos, a Inicativa
Xabarín instaba a que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual
"recoñecese a pluralidade lingüística como principio básico,
igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na
dobraxe, lexendaxe, e audiodescricións nas canles e plataformas
lineais ou baixo demanda”.
A
Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as
alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual
á Secretaría de Estado de Telecomunicacións solicitando “o
recoñecemento da pluralidade lingüística como principio
básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán
nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais
tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO,
Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a
obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras
linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións,
nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua
galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito
(dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras
interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente
incorporen as linguas oficiais; e asegurar o cumprimento do artigo 42
da Iniciativa Xabarín, que permita a reciprocidade con Portugal a
través do estabelecimento de dúas canles múltiplex para
Galiza”.
En
relación á demanda de dobraxe e lexedanxe por parte de TVE, tamén
incluída na Iniciativa Xabarín, a Mesa pola Normalización
dirixiuse en tres ocasións tanto á anterior directora xeral de
RTVE, Rosa Mª Mateo, como ao actual, José Manuel Pérez Tornero,
para informalos do desenvolvemento da campaña da iniciativa Xabarín
e para solicitar un encontro onde concretar a proposta da Mesa e do
Parlamento galego, aproveitando ademais que se fan 50 anos da
delegación de TVE en Galiza. A Mesa critica a este respecto a
actitude da dirección estatal de TVE, que non deu resposta ningunha
e que mostrou “unha actitude absolutamente descortés e de falta de
respecto tanto á maior organización non gobernamental de defensa do
galego como ás 33.000 persoas asinantes da iniciativa”. O
presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25.872 títulos
entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de
televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou
dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25
están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción
dobrada ou lexendada á nosa lingua.